Axuda

Que é chuza?

Chuza! é un sitio de novas galegas que emprega un control editorial non xerárquico. Calquera pode enviar historias e a comunidade de internautas é quen as valora, as comenta e decide se publicalas na páxina principal, de forma que non intervén nunca a figura do editor.

Que é iso de chuzar e chuzada?

Chuzar é o nome que escollemos para darlle importancia a unha historia cun voto, isto faise clicando debaixo do número de votos (chuzadas) que hai na parte esquerda de cada historia. Chuzar = votar.

Cantas veces podo chuzar?

Cando podes chuzar unha historia aparecerá un cadro gris debaixo do seu número de votos actuais co texto "chúzao", premendo aí daraslle un voto a esa historia. O sistema garda a dirección IP do equipo dende onde chuzaches e non deixa facelo outra vez dende esa IP. Se estás nunha rede local con varios equipos como un aula, cíber, oficina... sentímolo moito.

Cómpre rexistrarse?

Só é necesario facelo para enviar historias e engadir comentarios.

Que é iso do karma?

O karma é un valor que ten asociado cada usuario que mide a súa importancia dentro da comunidade. Comezas con 6 puntos de karma e este aumenta cando envías historias, as túas historias pasan a portada, comentas ou chuzan as túas historias e diminúe cando reportan problemas sobre as túas historias entre outros moitos factores. Canto máis karma teñas máis valen os teus votos. Se pasas de 18 puntos de karma o teu status de usuario pasa a ser especial podendo editar calquera das historias como se as enviaras ti. Máis informacion sobre o karma.

Como facer que unha historia chegue a páxina principal?

Preme en chuzar pendentes para ver a lista de historias non publicadas, ordenadas descendentemente por data de envío. Só tes que "chuzar" aquelas que máis che gusten ou consideres importantes. Cada vez que chuces unha historia engadiras o teu karma a esa historia. (Ver pregunta seguinte)

Como é o proceso para que unha historia chegue a páxina principal?

En chuza! execútase un proceso cada 10 minutos que decide que historias pasan á páxina principal. O que se calcula primeiro é o karma mínimo que teñen que tener as historias para que sexan susceptibeis de ser publicadas. Este valor depende da media do karma das historias que foron publicadas na páxina principal as últimas 2 semanas ao que se lle suma un coeficiente que depende do tempo que pasou dende que pasou á páxina principal a ultima historia. Este coeficiente decrece segundo pasa o tempo tendendo a 1... valor ao que chega pasada unha hora. Esto quere decir que despois dunha hora, cando o coeficiente chegou a 1, calquera historia que teña un karma igual ou superior á media necesaria será promovida a páxina principal. Esto ten dous obxectivos, por unha banda se a calidade das novas é constante e a actividade interna tamén publicaráse unha media dunha historia por hora (pode que máis ou menos), e por outra que as que reciban máis chuzadas serán publicadas antes. O karma de cada historia calcúlase multiplicando o número de chuzadas polo karma do autor de cada chuzada. Se a chuzada é anónima vale catro (4). Hai unha restricción a maiores para evitar abusos dos usuarios rexistrados: só poden ser publicadas na páxina principal as historias que teñan un mínimo de 5 chuzadas. Máis informacion sobre o karma.

Que é ese formulario 'problemas?' que me aparece cando vou a chuzar historias pendentes?

É un sistema para que a propia comunidade xestione a calidade das historias publicadas indicando que unha historia é duplicada, spam, provocación ou simple lixo. Estes envíos son votos negativos á historia, non abuses del. Cando unha historia teña moitos votos negativos pasará á lista de descartadas.

Só conta o número de chuzadas de cada historia?

Non, é un proceso máis complicado, contan tamén o karma, se o voto é anónimo ou non, e o número de problemas reportados (similar a votos negativos).

Como enviar historias?

Debes rexistrarte antes, é moi facil e moi rápido. Logo clicas en enviar historia. Trátase dun proceso de tres pasos simples, e despois diso a historia sera enviada á cola de pendentes. Cun voto inicial automático que é o teu.

Que tipos de historias se deben enviar?

As que queiras. Cousas que creas que lle poidan interesar á comunidade por algunha razón. Despois de envialas a súa importancia e polo tanto a sua publicación en portada estará determinada polas chuzadas dos usuarios. Máis información sobre os envíos na "páxina de instrucións" como chuzar.

Como funciona iso dos votos e do karma?

Os votos dos usuarios rexistrados non contan igual que un voto anónimo. Un voto anónimo vale catro (4) puntos, mentres que o voto dos usuarios rexistrados depende do karma que o usuario teña. O karma base dos usuarios é seis (6). O karma recalcúlase dúas veces ao día en base aos factores que comentamos antes.

Que software usa?

Chuza! é unha implementación para a comunidade galega de internet con moitas modificacións do software (libre) de menéame desenvolvido por Ricardo Galli.

Por que? para que?

Proporcionar un sistema para que a crecente comunidade galega de internet poida elixir cales son as novas interesantes e cales non, así como ter un punto de referencia para atopar novidades, noticias e historias en xeral.

Quen está detrás de Chuza?

A Asociación Cultural Chuza, que é unha asociación creada por usuarios do antigo sitio web, que decidiron xuntarse para continuar a manter a web. O Chuza orixinal era obra de Berto Yáñez, quen xa non ten nada que ver con este proxecto.

Onde comentar erros, problemas, suxestións ou calquera outra cousa?

Pódeste pór en contacto na seguinte rolda de correo http://groups.google.com/group/chuza-desenrolo ou no enderezo chuza.gl@gmail.com